maría reimóndez

Fotografía: Pablo Vázqueta

María Reimóndez Meilán, nada en Lugo en 1975, é unha escritora galega, doutora en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo. Cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o ensaio e o teatro.

“Dende moi pequena sentín fascinación polas linguas, polas historias e polos libros. Dos poemas que escribía cando tiña seis anos ata a primeira novela da adolescencia, sempre a pulsión de crear con palabras.

Tanto entón como agora, a miña pulsión segue sendo poñer no centro as voces que as hexemonías empurran ás marxes, explorar dende a escrita a creación do poder, enraizar a literatura nas vidas que vivimos sen que esta nos acollese. Tamén, continuar coa mesma curiosidade que tiña dende nena en canto á exploración formal. É así que na miña obra conviven a ciencia ficción co ensaio, a poesía coa novela histórica, o deporte coa calceta.

Para min, a escrita feminista é unha ollada crítica, atenta e esperanzada que debe ser sempre útil para a colectividade: útil para darnos que pensar, facernos sentir, emocionarnos, incomodarnos e transformarnos. E, como tal, a escrita é sempre unha aventura colectiva. Leo as miñas compañeiras, busco noutras autoras as miñas irmás e, cando teño sorte, atopo a fortuna de poder traducir algunhas das moitas que leo noutras linguas cara á miña, a galega.”


obras —>


"María Reimóndez é unha muller que camiña sempre cara a coherencia. No mundo que habitamos, no que cada vez máis se tende á depredación capitalista, esta autora reivindica o poder dos libros para ollar máis alá e mesmo tecer pontes para propoñer o cambio."

premios —>


"Hai moito que María Reimóndez escolleu saír do rego. Abrir fendas no pensamento hexemónico, malia os custes que iso implica. Co feminismo e a teoría poscolonial como alicerces. E, furando, foi abrindo camiño."
Montse Dopico, Luzes